Como debes usar as lentes homologadas?
Nunca mires o Sol sen a protección adecuada. Esquece as lentes de sol normais, cristais afumados, radiografías ou CD antigos. Ningún destes métodos bloquea suficiente radiación.
Lembra sempre: axudar ou supervisar a colocación e axuste das lentes para os nenos, nenas e persoas con discapacidade ao teu coidado, así como facerlles saber cando poden quitalas.
- Que usar: debes utilizar lentes de eclipse certificadas coa norma ISO 12312-2 e que non estean caducadas.
- Revisión previa: antes de usalas, comproba a contraluz se están riscadas, rotas, perforadas ou deterioradas. Se o están, non as uses e desbótaas correctamente.
- Como usalas: pon as lentes antes de mirar o Sol, mira brevemente uns segundos e baixa a mirada; repite a observación da eclipse sempre con pausas e nunca mires a eclipse durante máis de tres minutos seguidos. Quítaas logo de apartar a vista do Sol. Se levas lentes graduadas, coloca as lentes de eclipse encima delas e suxéitaas coas dúas mans para que non se movan. No caso dun neno ou nena que leve lentes, recoméndase a supervisión e incluso a suxeición por parte dun adulto. Se levas lentes de contacto, pon as lentes da maneira habitual.
- Cando quitar as lentes: esta é a distinción máis importante segundo o tipo de eclipse:
- Eclipses de 2026 e 2027 (totais): o recomendable é manter sempre as lentes postas. Non obstante, só é seguro quitalas durante os minutos de totalidade absoluta (cando a Lúa cobre o 100 % do Sol e é de noite). Segundo apareza o primeiro raio de luz (o «anel de diamantes»), debes volver protexerte inmediatamente.
- Eclipse de 2028 (anular): NUNCA é seguro mirar sen lentes. Mesmo no momento máximo, o «anel de lume» segue emitindo luz solar directa suficiente para danar a vista. Debes manter as lentes postas todo o tempo.
Instrumentos ópticos: perigo extremo
- Nunca mires o Sol a través de prismáticos, telescopios ou cámaras sen un filtro solar profesional colocado na parte frontal (obxectivo) do aparello.
O erro fatal: non uses lentes de eclipse detrás do ocular dun telescopio. A óptica concentra a luz e a calor, e derreterá as lentes e queimará o teu ollo instantaneamente.